Zulueta, motor da súa vida
Encrucillada 204, setembro-outubro 2017
A finais do pasado mes de xuño produciuse en Vigo o pasamento de Alfonso Zulueta de Haz, do que se fixeron amplo eco os medios de comunicación e ademais nun ton laudatorio e de recoñecemento agradecido cara á súa persoa e a súa obra.
Alfonso Zulueta foi unha persoa pública sobranceira nos eidos profesional, cultural, social e eclesial. Aínda que a vida persoal é unha soa, na que os diversos aspectos se implican mutuamente, eu voume limitar a apuntar a miña percepción do factor relixioso en Alfonso e o seu influxo na súa vida e no seu compromiso.
Moitos cristiáns esquecémonos, con excesiva facilidade, de ditos ou frases incisivas do Evanxeo, cheas dunha fonda mensaxe, como por exemplo a afirmación de Xesús recollida no Evanxeo de S. Mateo: «Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus» (Mt 4, 4). Pero tamén hai cristiáns que se fan moi conscientes da forza desa palabra e da vida que pode transmitirlles. O Papa Paulo VI na Exhortación Apostólica Evangelii Nuntiandi penso que afonda na forma en como se produce ese proceso. Dinos no n.º 18: «evanxelizar significa levar a Boa Nova a tódolos ambientes da humanidade […] Pero a verdade é que non hai humanidade nova se non hai, en primeiro lugar, homes novos, coa novidade do bautismo e da vida segundo o Evanxeo. A finalidade da evanxelización é, por conseguinte, este cambio interior e, se houbese que resumilo nunha palabra, o mellor sería dicir que a Igrexa evanxeliza cando, pola soa forza da Mensaxe que proclama, trata de convencer ao mesmo tempo a conciencia persoal e colectiva dos homes, a actividade na que eles están comprometidos, ni súa vida e ambiente concreto».
Na vida de Alfonso Zulueta facíase evidente a forza da palabra evanxélica e dos valores cristiáns e humanos que ela está chamada a xerar e converter nunha auténtica e enriquecedora tradición. Alfonso é un claro exemplo de persoa de firmes conviccións e de coherencia con elas na vida concreta. Especialmente dotado para percibir e sintonizar cos signos dos tempos, pódese afirmar que a etapa do preconcilio e, sobre todo, o mesmo Concilio Vaticano II tiveron nel un influxo moi marcado. É ben coñecida a súa militancia cristiá durante os tempos de estudante, sobre todo na etapa de posgraduado no colexio maior madrileño César Carlos. Era notoria a súa visión ampla e comprensiva de Igrexa. Repetía con certa frecuencia que ni barca de Pedro hai moitos camarotes, apuntando á riqueza e á comprensión plural da mesma. O seu cristianismo progresista, reafirmado polo desenvolvemento do Vaticano II, non entraba en litixio con ningunha outra tendencia. Sempre estaba aberto ao diálogo e naqueles aspectos nos que podían xurdir visos de conflito, prefería retraer a súa participación e deixar que o tempo fose modulando o ton máis adecuado para manter vivo o diálogo e repensar o ritmo a seguir.
No ámbito relixioso, igual que nos demais sectores, era partidario e practicante da harmonización, do posibilismo, e estaba convencido, e así o recomendaba, que os problemas hai que solucionalos pouco a pouco.
Home de ideas, de gran capacidade de traballo, animaba iniciativas complexas e difíciles. Foi o autor intelectual e organizativo da Fundación Traspuerto fundada para favorecer os estudos dos fillos dos traballadores e avalada por unha forte base económica. Xunto cun amplo
equipo fíxose posible a realización da tradución da Biblia ao galego e a aprobación da liturxia en galego. A fundación da Editorial SEPT e o seu desenvolvemento contou, igualmente, coa súa colaboración. As fundacións Sálvora e Xoán XXIII para traballar con discapacitados físicos e psíquicos pode dicirse que son as obras máis mimadas por Alfonso e a súa dona e colaboradora constante dona Tareixa.
A fe de Alfonso facíao situarse, tanto no ámbito relixioso como no político-social, nun abano amplo, plural, tendente ao consenso, máis aló dos matices persoais e grupais. Cortés «por natureza», era moi respectuoso no trato e moi amable nas formas.
Ao longo de moitos anos compartimos eucaristías e outras celebracións comunitarias. Temos que recordar a presenza carismática do Padre Seixas e a dun numeroso equipo de cregos que nos iamos alternando nas celebracións das misas en galego, radiadas desde a Igrexa das Trinitarias ou dos Apóstolos. Hai que salientar, igualmente, a vivencia e compromiso comunitario a través da Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo.
O Coro Ondas do Mar de Vigo foi sempre un fermoso grupo de animación. Alfonso Zulueta era dos habituais nestas expresións de fe e de vida, en Vigo, en Marín o alí onde se atopase.
O que tratamos de valorar na comunidade de fe que é a Igrexa sobre os sacramentos era algo real e natural en Alfonso: o sentido persoal e comunitario da nosa fe, dunha fe viva nun Xesús que nos di que El é a resurrección e a vida. Esa fe movía a vida de Alfonso. A eucaristía era para el non unha práctica máis ou un recordo, senón unha actualización sacramental da súa presenza real entre nós e, polo tanto, a ser entendida e vivida como tal presenza con todas as consecuencias prácticas.
Na eucaristía todo tiña un amplo sentido para Alfonso como podíamos constatar en comentarios e tertulias tras a celebración das misas e noutras ocasións. Desde o saúdo inicial ata a despedida. A petición de perdón, a oración inicial, as lecturas da Palabra e reflexión posterior, o ofertorio, a pregaria eucarística, a consagración, o noso Pai, a comuñón, a bendición e a despedida. Durante a enfermidade de Alfonso celebramos moitas veces na súa casa o Sacramento da Reconciliación e da Comuñón cunha participación moi activa e sentida mentres llo permitiron as súas forzas. O día anterior á súa morte celebramos, xa no hospital, o Sacramento da Unción dos enfermos. Moi limitado fisicamente, Alfonso fixo un esforzo moi especial por participar naquel sacramento seu que culminaba a súa longa vida de fe e entrega e preparábao para a inminente aperta por parte do Deus de Xesús. Que Alfonso, servidor fiel e prudente, descanse ni paz e felicidade dos santos e que a súa memoria perdure viva e motivadora en todos aqueles que dalgunha forma pasamos pola súa vida.
Bieito Santos, S. J.
In memoriam
Encrucillada 204, setembro-outubro 2017
Hoxe sentimos nos nosos corazóns a tristura do pasamento de Alfonso. Sentimos a súa ausencia física. Xa non poderemos falar con el ou acudir a pedir o seu consello de bo amigo, esposo, familiar… ou a argallar un novo proxecto. Pero a nosa tristura vese compensada pola satisfacción da obra que deixa neste mundo, sempre no camiño facendo o ben. As súas mans están cheas de boas cousas para presentar diante do noso Pai-Nai que o acolle amoroso. Podería dicirse que Alfonso foi nesta vida un deses agasallos que parecen enviados por Deus para mostrarnos un modelo a seguir.
Quen á súa notaría acudiu, nela recibiu del un trato familiar e entrañable, cheo de amabilidade e de boa acollida. Moitas foron as persoas que saíron dela satisfeitas e encantadas da súa proximidade humana e respectuosa.
Estamos nun lugar moi querido para el. A esta igrexa dos Apóstolos acudía frecuentemente con Teresa a participar na Eucaristía en galego. Nós hoxe tamén estamos de celebración sentindo que está connosco como en moitas outras ocasións. Celebramos as súas crenzas cristiás cimentadas no evanxeo, cunha visión moi do Vaticano II e dos novos ventos que alentan na Igrexa nos tempos de hoxe co noso Papa Francisco.
Damos grazas a Deus porque Alfonso entendeu a súa vida ao servizo da construción do Reino de Deus neste mundo, traballando por facelo mellor, máis xusto, igualitario e compasivo, sen abandonar nunca a defensa e o progreso da nosa identidade galega. Participou na actividade política defendendo a democracia nos anos escuros da ditadura e logo máis tarde na época da transición, como fundador e candidato en partidos galegos. Sempre defendeu a importancia de traballar por unha Galicia máis dona de si.
Damos Grazas a Deus porque a súa entrega a Galicia fixo xurdir nel a necesidade de traballar pola inculturación da nosa Igrexa e traballou arreo por facer unha Igrexa Galega máis galega. Sendo Presidente da Editorial SEPT promoveu a tradución ao galego da Biblia feita por un grupo de especialistas desde as linguas orixinais. Desta maneira prestou un gran servizo á encarnación da nosa fe cristiá ni realidade do noso pobo galego. No ano 1989 viu a luz a primeira edición, que logo serviu de base para os leccionarios das misas en galego.
Tamén agradecemos o seu labor pola cultura de noso na Editorial Galaxia, na Fundación Penzol, na Fundación Otero Pedrayo, etc. e tamén como Presidente do Consello da Cultura Galega. Alfonso entendía plenamente que a esencia dun pobo está na súa cultura e na súa lingua. As relacións entre ética e cultura foron para el una importante preocupación, tal como sinalou no seu precioso discurso de ingreso no Instituto de Estudios Vigueses.
Facendo todo isto aínda tirou tempo para acompañar á súa esposa Teresa, no ano 1968, na creación da Asociación Juan XXIII para atender a persoas discapacitadas psíquicas e máis tarde, no ano 1990, creando a Fundación Tutelar Sálvora para atender a estas persoas cando perden o amparo dos pais ou familiares que os coidan porque se fan maiores ou morren. Na atención aos máis necesitados e marxinados maniféstase a profundidade evanxélica da súa fe cristiá onde os pobres son a opción preferente.
Canto podemos aprender da vida de Alfonso! Moitas outras cousas máis se poderían contar pero co dito chega abondo para mostrarnos a grandeza da súa vida. Seguro que nalgunha desas moradas que ten a casa do Pai, das que el falaba moitas veces, se encontrará con outros amigos seus: Xaime Isla, O Padre Seixas, Domingo Fernández del Riego… cos que compartiu fe e compromiso, quen tamén foron exemplo de bondade e entrega a Galicia. Alfonso, amigo, grazas por ter compartido connosco os camiños da vida e que Deus premie o teu labor.
Quico Domínguez
Presidente de SEPT
Director da Fundación Penzol