SEPT: 50 ANOS
NA INCULTURACIÓN
DA IGREXA GALEGA

HISTORIA DUN PROXECTO

O nacemento de SEPT

SEPT foi unha das obras nacidas da capacidade creativa e do entusiasmo contaxiante de Xaime Isla Couto. Segundo o Bispo Miguel Anxo Araúxo, de: “Xaime e o seu equipo de profetas do Vaticano II”.

Xaime xunta a un grupo de xentes de toda Galicia preocupados polo divorcio existente entre a Igrexa galega e as realidades de nós, que arredor do ano 1965 idean a creación da editorial SEPT para sensibilizar aos membros da Igrexa galega encol da problemática e das reinvindicacións concretas da nosa terra en todos os sensos: cultural, social, relixioso, económico, político, …

En xullo de 1965, un ano antes da súa constitución formal, redáctase o programa fundacional de SEPT, que foi presentado ao Cardeal Quiroga Palacios o 24 de xullo daquel ano e que na súa introdución di o seguinte:

“Conscientes dos deberes que como cristiáns e galegos, esixe de todos a hora actual e inspirados por un afán sincero, profundo e decidido, de incorporar ás actividades editoriais, que sirven de canle fecundo ao renacemento cultural da nosa Terra, o espírito eternamente renovador que vive hoxe a Igrexa, un grupo de homes de estudo e traballo, fillos fieis da Arquidiocese Compostelá, facemos un chamamento a cantos se sintan identificados con tal propósito, para a creación dunha Sociedade baixo a denominación arriba expresada [Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos] e cuxas finalidades concretas serán:

  1. a) A edición, venda e difusión de libros, revistas e outras publicacións de carácter relixioso, social e económico.
  2. b) A promoción de toda clase de traducións, estudos e traballos complementarios ou auxiliares daquelas actividades.”

Xaime Isla será o seu primeiro Presidente ata 1971, nunha segunda etapa seguiralle como presidente de transición Domingo Fernández del Riego ata á incorporación de Alfonso Zulueta de Haz no ano 1972 e neste ano 2016, por razóns de saúde de Zulueta, foime encargada a min a Presidencia.

O Padre Xaime Seixas Subirá, que o 25 de xullo de 1965 dixo a primeira misa oficial en galego en San Domingos de Bonaval, en lembranza de Rosalía de Castro, será o asesor relixioso de SEPT co beneplácito do Cardeal-Arcebispo de Santiago e a autorización do P. Provincial da Compañía de Xesús.

Posteriormente , no ano 1969, incorporarase, como un dos seus asesores, Andrés Torres Queiruga.

SEPT na batalla pola aprobación oficial do galego na liturxia:

Cando o Concilio Vaticano II abre as portas á utilización das linguas vernáculas na liturxia, os bispos galegos esquencen totalmente a existencia do galego como lingua propia, optando a partir do 1º de xaneiro de 1965 exclusivamente polo castelán. Unha das primeiras accións de SEPT consiste na elaboración en marzo de 1965 dun escrito de recolleita de sinaturas, dirixido aos bispos de Galicia, no que se pide a liturxia en galego conseguindo que o 22 de febreiro de 1967 o Cardeal Quiroga envíe a Roma a solicitude ao Consilium para o emprego do galego na liturxia.

SEPT xogou un papel moi importante nas accións levadas a cabo para a normalización do galego na Igrexa, tanto no ámbito das xestións oficiais como no da dinamización social e do clero de Galicia.

Publica O Misal galego, en setembro de 1968, que supuxo un grande avance para as negociacións con Roma, xa que era necesario presentar textos en galego para que fosen examinados e aprobados. É nesa altura cando, o 27 de setembro de 1968, se despraza a Oviedo unha ampla representación de SEPT para entrevistarse co Cardeal Tarancón, daquela Presidente da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal Española. Tamén move os fíos en Roma por medio do xesuíta P. Manuel Santos na prepración das xestións que máis tarde remataría o Cardeal Quiroga. O Misal Galego tomouse como referencia para os textos da misa, mentres a xerarquía non aprobaba outros textos, e a tal fin foi entregado por SEPT en Madrid ao secretario da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal para comunicar a preceptiva aprobación a Roma.

En Roma, co Misal de SEPT aprobado pola Conferencia Episcopal Española, houbo que superar certos atrancos de última hora que resultaron ser interferencias do Goberno Español.

O 7 de xaneiro de 1969 o Consilium aproba o galego como lingua oficial litúrxica de Galicia. O Misal Galego de SEPT quedará autorizado con carácter provisional para ser empregado na liturxia. O 8 de xaneiro de 1969, Xaime Isla, Presidente de SEPT dirixe un telegrama ao Cardeal Quiroga: RECIBA FONDO AGRADECEMENTO DESTA SOCIEDADE POLA DECISIVA INTERVENCIÓN VOSA EMINENCIA PRESIDINDO EPISCOPADO GALEGO PRO RECONOCEMENTO NOSA LINGUA VERNÁCULA USOS LITÚRXICOS. BICAN ANELO PASTORAL. SEPT. PRESIDENTE.

Ademais de O Misal galego SEPT publica outro tipo de material de apoio para a liturxia en galego:

– Fichas musicais de cantos litúrxicos en galego: Promovidos na súa maioría polos Irmandiños. (1968 a 1970)

– A Palabra de Deus: Os Evanxeos. De Manuel Espiña e Xosé Morente. 1965.

– Os Salmos: Versión de Isaac Alonso Estravís. 20.marzo 1967.

– Pacem in terris. (Versión galega) 1968.

– Populorum progressio. (Versión galega) 1968

– Odinario da Misa para os fieis: Editáronse milleiros de exemplares para facilitar as respostas dos fieis.

Outras actuacións de apoio á liturxia en galego

Ademáis de no recoñecemento do galego como lingua oficial litúrxica de Galicia, SEPT xogou un papel destacado na súa implantación tal como se deu no apoio á Comunidade de Vida Cristiá, ao Equipo de homilías en galego e a Badal.

  • Comunidade de Vida Cristiá (CVC):

En Vigo o P. Xaime Seixas empeñouse de cheo coa liturxia en galego apoiado pola xente de SEPT da zona, de maneira especial por Xaime Isla e Domingo F. del Riego. Para as súas actuacións puxo en marcha unha Comunidade de Vida Cristiá baixo a advocación da Nosa Señora da Guía e de Santiago Apóstolo, que se rexía pola normativa dos xesuítas e que foi aprobada polo P. Arrupe o día 15 de setembro de 1967. A Comunidade fíxose cargo da misa das Trinitarias e máis tarde da dos Apóstolos, incorporando o Coro Ondas do Mar de Vigo.

SEPT e a CVC atendían os gastos das actividades litúrxicas destas dúas misas, en especial os do Coro Ondas do Mar de Vigo. A xestión estaba a cargo de leigos e os ingresos procedían das cuotas dos socios.

Ademais para evitar que O P. Seixas fose destinado fora de Galicia polos seus superiores, SEPT mantívoo como asesor relixioso cunha retibución mensual. A súa marcha tería significado un importante retroceso para a implantación da liturxia en galego.

  • O equipo de homilías en galego:

SEPT tamén participa na creación e mantemento dun equipo de homilías en galego, elaboradaras por un grupo de cregos e leigos. Este equipo comenzou as súas reunións en Vigo no ano 1972. As homilías enviánvase por correo as parroquias de toda Galicia. Os gastos corrían a cargo da CVC e de SEPT.

  • A folla litúrxica Badal:

Creada en Vigo para cubrir as necesidades prácticas da implantación do galego nas misas, comeza co seu primeiro número do 19 de abril de 1987 e remata co número 862, do 30 de decembro de 2001, contando cunha vida de máis de catorce anos.

SEPT participa na súa creación e sostemento xunto coa Comunidade de Vida Cristiá e tamén cun grupo de cregos e leigos preocupados por prestar este servizo a todas as parroquias de Galicia.

Os contidos estaban estruturados en: Introdución, monicións das lecturas, preces, recomendacións de cantos, suxestións para a homilía, lecturas e salmo de domingos e festas. Tamén se publicaron folletos para orar polos defuntos e para celebración de exequias. A súa difusión en Galicia adquiriu unha certa importancia e no ano 1991 contaba con perto de 600 subscritores. Arredor da publicación movíase un equipo dunhas 20 persoas.

As publicacións de SEPT

Ao longo dos seus cincuenta anos de vida a editorial SEPT ten producido arredor de 80 publicacións agrupadas en varias coleccións:

– As edicións do adro: Liturxia, textos sagrados, encíclicas, pastoral, catequese,…. Destacamos, ademais dos indicados no apartado anterior, A Biblia dos nenos, O Evanxelio dos nenos, 400 nomes galegos para homes e mulleres, Oracional galego, Historia da Igrexa galega, A Biblia…

– Xeira nova: Teoloxía e pensamento cristián. Salientamos A Crise da conciencia relixiosa no mundo moderno, Recupera-la Salvación, Relixión e libertade, Teoloxía e sociedade, Galegos e cristiáns, O intelectual galego e Deus, Recupera-la creación. Por unha relixión humanizadora…

– Testemuños: Conversas con persoalidades destacadas da sociedade galega, tales como Conversas do P. Seixas, Conversas de Torrente Ballester.

– O home e a sociedadeExame á luz do pensamento cristián dos problemas económicos, políticos, xurídicos, ambientais,.. de Galicia: O aforro e a inversión en Galicia, A planificación rexional de Galicia, Estudos do Dereito Civil de Galicia, Contaminación industrial e desenvolvemento, Os labregos na prensa galega.

Cadernos Populares: Divulgación en formato breve de textos sobre temáticas e figuras galegas destacadas: Pensamento Galego I, Lembrando a Castelao.

É difícil encontrar outra editora tan prolífica en publicacións cristiáns en linguas vernáculas ibéricas, superando incluso á xa desaparecida editorial catalana Nova Terra.                                                             

"A Biblia en galego, promovida e editada por SEPT en 1989 pode considerarse a obra máis importante realizada pola editorial. "
Quico Domínguez
Presidente de SEPT