Por xentileza de Benito Méndez, do Instituto Teolóxico Compostelán, publicamos a homilía que pronunciou o día 25 de xullo deste ano na misa de Rosalía.
Benqueridas irmás e irmáns:
Estamos aquí para facer memoria de Xesucristo, resucitado de entre os mortos, como o primeiro de todos. Esta memoria nunca é un simple recordo dun pasado afastado de nos, senón a súa presenza viva. O noso Deus é Deus de vivos e non de mortos, pois para el todos viven. Por iso podemos traer á nosa celebración a Rosalía, neste ano 180 do seu nacemento. Cando morreu, compuxo un famoso poema Curros Enríquez..” E vina tan sola na noite sen fin,/¡que inda recei pola probe da tola/eu, que non teño quen rece por min!”. Rosalía, como di Curros, e tantos outros merecen a nosa oración e a nosa estima. Pero no día de hoxe quería facer así mesmo unha mención especial a D. Alfonso Zulueta, recentemente falecido. Dentro das súas moitas facetas debemos destacar o seu labor como impulsor da tradución da Biblia ao galego; foi un fito histórico, como tamén o é a mesma celebración desta misa de Rosalía dende fai 85 anos, daquela en latín e, dende o 1965, en galego. Pero, ademais, no que abrangue a tradución da Biblia ao galego, na que tivo case que todo que ver o cóengo e profesor Fernández Lago aquí presente, este ano podemos unirnos a outras celebracións, por exemplo a dos cincocentos anos da morte do cardeal Cisneros, gran impulsor da Biblia políglota complutense, que tanto ía contribuír á formación do clero en España e, con ela, á reforma da Igrexa. En todo caso, Cisneros, como D. Alfonso, foi o impulsor, pero o que fixo o traballo principal, como sabemos, chamábase Antonio de Nebrija. Por iso, se hoxe nos podemos identificar con alguén que non solo foi promotor, senón el mesmo tradutor, este é un famoso alemán que este ano 2017 está a recibir en moitas partes do mundo unha merecida homenaxe, como o ven de manifestar nestes meses pasados o papa Francisco.
En efecto, fai cincocentos anos, no 1517, un monxe agostiño, Martiño Lutero deu a coñecer as súas teses contra as indulxencias e sobre a reforma da Igrexa. Xa sabemos o que veu despois, guerras, división e, en xeral, o desprestixio do cristianismo en Europa. Sen embargo non foron esas as únicas consecuencias. Tamén as houbo doutro tipo, e moi positivas, especialmente no ámbito da lingua.
Lutero partiu dunha preocupación persoal. Chegara á convicción de que a xente do común debía poder relacionarse directamente con Deus, cousa que non parecía ata entón moi apropiada, porque podía ser perigoso para a doutrina; por iso, así se pensaba, esa relación tiña que ser filtrada polos condutos oficiais da Igrexa. Unha das consecuencias era que case que ninguén podía ler a Biblia, sendo esta unha situación que se alongaría por moito tempo no ámbito católico. De feito, por exemplo, a primeira Biblia que se puido ler con aprobación eclesiástica en castelán é a de Nacar-Colunga, publicada no ano 1944. Lutero foi, máis que nada, un amante da Biblia; foi de feito un profesor de Biblia toda a súa vida. Pois ben, el xa entraba nunha época na que se empezaba a non dar nada por descontado. A chamada devotio moderna impulsaba á apropiación persoal, á conseguir a certeza do que se tiña recibido. Non bastaba con recibir os coñecementos do pasado, era necesario sentilos como propios. Para iso, no que atinxe a Deus, é necesario poder coñecer directamente a súa Palabra e entendela. Elo leva consigo, en primeiro lugar, aprender a ler ou, polo menos, entender o que se escoita.
Na historiografía actual saliéntase o seu interese pola formación e senlleira mente por dar a coñecer a Biblia ó pobo. Este xa era un feito revolucionario, se queremos. Pero para que tivese efecto necesitábanse traducións axeitadas. No seu tempo xa había traducións da Biblia ó alemán, pero a súa faríase famosa. Certo é que a aparición da imprenta axudou moito á súa difusión, pero o máis decisivo foron as súas motivacións á hora de traducir. El dicía que o encargado diso debe primeiro mirar para a boca da xente, é dicir, como fala, como se expresa, pois é aí onde a Palabra de Deus ten que entrar para cambiar a vida do lector ou do ouvinte dela. El mesmo formulou deste xeito o seu método lingüístico: “Hai que observar a nai na súa casa, os nenos nas rúas, os homes no mercado, e preguntarlles, e mirarlles para a boca, para ver como falan, e, segundo iso traducir; deste xeito comprenderán e notarán que se lles está a falar en alemán”. Era o ano 1521 cando traduciu o Novo Testamento do grego ó alemán.
Hoxe é considerado, por tanto, como un dos fundadores desa lingua, nun tempo no que, como sabemos, todo o que non fose o latín era , en xeral, a lingua vulgar que, como a mesma palabra di, era algo impropio das xentes mais formadas, sobre todo os eclesiásticos. Traducila Biblia na lingua do pobo significaba unha aposta por ese pobo, porque o facía partícipe nada menos que da Palabra de Deus na súa propia lingua. Non quere isto dicir que Lutero a traducira nun alemán coloquial, pero si nun estilo didáctico que a facía comprensible para a xente do seu tempo. El mesmo diría que todo elo era un servizo: “Para os meus alemáns nacín e a eles quero servir“.
Benqueridos irmáns!, cantos dos nosos devanceiros pensaron e actuaron tamén así!, dende Rosalía ata D. Alfonso Zulueta. Uns mais, outros menos relixiosos, pero todos eles servidores, testemuñas e servidores dun pobo de seu, como é o noso. Hoxe é un día para estar agradecidos por tantos abnegados servizos a este pobo peregrino aquí en Galicia, servizos de todo tipo, culturais, económicos, políticos ou relixiosos, que contribúen a soster a nosa identidade, as nosas razóns para vivir. O papa Paulo VI na súa encíclica Populorum progressio lémbranos: “Rico ou pobre, cada país ten unha civilización recibida dos seus devanceiros: institucións necesarias á vida terrea e manifestacións superiores –artísticas, intelectuais e relixiosas- da vida do espírito. Cando estas derradeiras conteñen verdadeiros valores humanos, sería un grave erro sacrificalos ás primeiras. Un pobo que consentise niso, perdería o mellor de si mesmo; sacrificaría, para vivir, as súas razóns de vivir. O ensino de Cristo vale tamén para os pobos: de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro se perde a súa alma? (Mt 16,26)” (40)
Por iso, xunto co agradecemento tamén é hoxe o día de renovar o compromiso polo servizo a este pobo. No ano 1975, declarado polo papa Paulo VI Ano santo da reconciliación, publicaba a súa famosa pastoral, A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega, o bispo que me ordenou, D. Miguel Anxo Araúxo. A súa apelación a reconciliarnos coas nosas raíces segue a ser moi actual para todos. Eu, nesta misa de Rosalía, quero aplicarme a min o que lles dicía os cregos: “Permitímonos exhortar aos sacerdotes a que adopten con convicción a lingua galega para o seu labor pastoral en todas as súas facetas e concretamente no terreo litúrxico, cando se trate de comunidades galego falantes. Será así máis fácil que o home galego descubra na Igrexa a presenza dunha salvación que se dirixe a el, e que lle fala no máis íntimo do seu corazón” (31). Que así sexa.